Últimas novas

Actualizacións

Tres peixes voando

Un marraxo, unha xarda e un bacallau, tres peixes que voan desde os mares galegos coas músicas do mundo, dúas voces e unha guitarra de máxima actualidade na música galega: Ugía, Xabier e Guillerme. A intención da súa viaxe acuática é dar a coñecer Tres peixes voando, o programa que os tres dirixen en Radio Galega Música. Estes tres grandes músicos galegos achégannos aos seus propios universos musicais. O programa emítese os domingos entre as 23 e as 24 h. en Radio Galega.

O pasado 15 de xuño, estivemos con eles, aqui podedes escoitar a entrevista: "Tres peixes voando"

Programa do Alalá

Para toda xente que non puido ver o programa en directo, aqui tedes o enlace: "Alalá Xochilmica"

Hoxe, luns as 21:30, Xochilmica no Alalá

É complicado o nome, non? Cando lle puxeron o nome ao grupo, os cinco rapaces que forman Xochilmica buscaban algo único, algo que só os representase a eles, algo que cando o puxeran nun buscador de internet non dese máis que ese resultado. E o seu son é tan único como o nome. Neste "Alalá" intentaremos descubrir a qué soa Xochilmica, porque a pesar de que tocan os mesmos instrumentos que se poden atopar nunha charanga tradicional, o resultado é totalmente diferente. Cunha gaita, un acordeón, un tamboril, un bombo con pratos e un saxofón conseguen un son totalmente novo, elegante e divertido.

Os cinco "xochilmicos" viviron desde nenos a música tradicional e acabaron coincidindo en Santiago, na agrupación folclórica "Cantigas e Agarimos". Desde que se xuntaron e formaron o grupo, todo foron éxitos e en poucos anos fixeron un feixe de cousas: gañaron o Certame de Música Folk de Radio Obradoiro e gravaron o seu primeiro disco "Cinco Elementos"; gañaron no Festival de Ortigueira e no de Lorient e veñen de presentar o segundo disco "Carta Branca". Agora o público pode escoitar e comprobar neste "Alalá" a que soa Xochilmica.